CELIA PARRA

Celia Parra (Ourense, 1990) adícase á produción audiovisual e á poesía. En 2018 publica o seu último poemario, Pantallas (Editorial Galaxia). Co seu primeiro poemario, No berce das mareas (Ed. Fervenza, 2009) acada o Premio Avelina Valladares, ao que seguen diversos recoñecementos. Neste tempo, a autora ten publicado poemas en revistas como Dorna, Luzes, Oculta Lit e HeadStuff e O Salto Galiza.

Forma parte das antoloxías No seu despregar (Ed. Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (en edición bilingüe Galego-Castelán por parte de Ed. Chan da Pólvora e Papeles Mínimos, 2017) e Calpurnias, mulleres poetas ourensás (Ed. Cuestión de Belleza, 2019). A súa obra foi traducida ao inglés, castelán e finés. Pertence á AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega).

Interésase pola hibridación da poesía con outros formatos e especialízase en videopoesía. Co seu videopoema “Adondar a lingua” gañou festivais internacionais como Versi di Luce (Italia) e Light Up Poole Poetry Film Competition (Reino Unido), e recibiu tamén o 2º premio (compartido) de videocreación Xuventude Crea (Galicia).

Outros videopoemas seus teñen sido seleccionados en diversos festivais arredor do globo: Ó Bhéal Poetry-Film Competition (Irlanda), Rabbit Heart Poetry Film Festival (EE.UU.), Muestra Internacional de Vídeo Experimental Ojo de Perro (México), Festival Silencio (Portugal), Salerno Letteratura Festival (Italia), Maldito Festival de Videopoesía (España), International Videopoetry Festival of Athens (Grecia) e VI CYCLOP International Poetry Film Contest (Ucraína).

Celia Parra foi impulsora, creadora da idea orixinal e produtora executiva de Versogramas (Belén Montero e Juan Lesta, 2018), considerado o primeiro documental do mundo arredor do panorama internacional da videopoesía. Versogramas foi publicado tamén en formato libroDVD pola Editorial Galaxia. Actualmente traballa como asistente de produción executiva en Setembro Cine e como coordinadora da Asociación Sindical Galega de Guionistas.

Só a miña mirada / coma unha mao lene / que fose e viñese / pola máis fermosa cara
(Uxío Novoneyra)

 

A poesía é mirada. Escribir poesía é un xeito de ver, unha indagación da realidade, tralo obxectivo da cámara. Tamén un desexo de aproximarse ás cousas, establecer contacto, coñecer. Tocar é ver coas mans.

Escribo desde a consciencia desta visión táctil e tamén multisensorial que ofrece a palabra poética. Quizais por iso a imaxe sempre me acompaña, camuflada no envés dun verso ou exposta en forma de videopoema. Recito ás veces con soporte sonoro e visual. Interésanme as hibridacións, coma a videopoesía. Pero sempre volvo ao tacto do papel.

Orbito arredor de tres espellos: imaxe, identidade, lingua. Intento que os poemas sexan reflexos.

Poética

Celia Parra

Usamos cookies propias para proporcionarche unha mellor experiencia de uso. Se continúas navegando, entendemos que aceptas a política de cookies. Política de cookies

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Pechar